Sunday 05 de May de 2024

O luns comeza o terceiro curso de formación gratuíta en Big Data para persoas desempregadas


O curso conta con 28 prazas e un compromiso de contratación de seis meses para un mínimo do 25 % do alumnado que finalice o programa

Nos vindeiros meses abrirase a cuarta e última convocatoria do programa con 28 novas prazas de formación na materia

O Concello da Coruña inicia este luns 24 de abril a terceira formación gratuíta en Big Data para persoas desempregadas no marco do programa

‘Actualízate’. O curso conta con 28 prazas e 253 horas de formación gratuítas que se desenvolverán entre o 24 de abril e o 15 de xullo, en horario de 09.00 a 18.00 horas.

Ademais da formación específica sobre Big Data, o curso complétase con 12 horas de orientación laboral por persoa en formación, xunto cun compromiso de inserción laboral de seis meses para un mínimo do 25 % dos alumnos e alumnas que finalicen o programa.
Impartirase no Centro Municipal de Emprego dos Rosales, igual que nas dúas anteriores convocatorias.

A formación é froito do convenio asinado coa UTE Innova Next, SLU e The Valley DigitalSchool SL para o desenvolvemento da formación para o emprego e intermediación no sector da tecnoloxía e a comunicación. Con motivo da alta demanda de persoas solicitantes nas anteriores convocatorias, o Concello da Coruña abriu esta terceira quenda co obxectivo de dar formación a máis persoas desempregadas e facilitar o seu acceso a postos de traballo que dispoñan dunha estratexia de transformación dixital.

O programa, xestionado polo Concello da Coruña, está impulsado por Red.es, entidade adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, e cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE). Nos vindeiros meses abrirase a cuarta e última convocatoria do proxecto con 28 novas prazas. Pode solicitarse información a través do Centro Municipal de Emprego na páxina web www.coruna.gal/emprego.